Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio14 | EbarometroUsuarios2003    


Un de cada dez internautas galegos mercou na Rede

O informe e-Barómetro publica os datos que atinxen ós usuarios galegos da Rede e do comercio-e B2C (dirixido ó consumidor final). O 19% dos fogares están conectados á Rede e o 10% dos internautas xa se animou a mercar on line  algunha vez. O futuro é esperanzador, e algúns sectores, como o do turismo, experimentaron xa unha gran subida de compras on line.


O 19% dos fogares galegos, conectados a Internet

Do total da mostra, en Galicia están conectados á Rede máis do 19% dos fogares, unha cifra que se incrementou en 1,5 puntos dende o 2002. A pesar da subida, esta cifra é aínda baixa comparada coa media europea.
Ademais, preto do 40% dos fogares galegos teñen polo menos un PC (ordenador persoal), case un 2% máis que no 2002, segundo datos do e-Barómetro.


Gran subida do ADSL e do cable

As ofertas e promocións das distintas operadoras contribuíron á espectacular subida do ADSL [?] como método de conexión en Galicia, que pasa de estar presente no 13,5% dos fogares a estar no 22,4% neste ano 2003. O cable [?] tamén experimentou un importantísimo incremento: pasa do 5,5% ó 14,1%.
O método de conexión que perdeu posicións foi o tradicional módem [?] analóxico, que perdeu máis dun 15% no último ano (pasou de 64,6% ó 48,8%). Aínda así, segue a ser o método máis empregado en Galicia.


Métodos de conexión a Internet
Métodos de conexión a Internet

Vendas electrónicas de baixo prezo

A maior parte dos galegos que compran pola Rede deixan poucos euros nas súas transaccións. Son compras pequenas e de pouco importe, que probablemente se deban a que o tipo de productos que se mercan son de lecer, como entradas, CD´s ou publicacións.

Gasto das compras na Rede
Gasto das compras na Rede

Un de cada dez usuarios mercou on line

Segundo o informe e-Barómetro, este ano un 3% máis dos internautas galegos mercaron algunha vez pola Rede, pasando do 7,39% ó 10,30%. A familiarización coa nova canle de venda que é Internet contribúe a este incremento.

Internautas galegos que mercan on line
Internautas galegos que mercan on line

Entradas e turismo acaparan a demanda galega on line

Os productos máis mercados a través da Rede en Galicia son as entradas para o cine e outros espectáculos (34,6%), seguidas moi de preto polos productos turísticos (billetes, reservas de aloxamento, paquetes turísticos, etc.), que se posicionan tres puntos por riba do pasado ano, saltando do 29,7% ó 32,7%. As publicacións e a música son os seguintes productos da lista, seguidos da electrónica.
Como vemos, trunfan os productos ou servicios que o cliente non precisa ver ou probar antes de adquirir. Xa no último posto, atopamos os xoguetes e o equipamento para o fogar, que supoñen un 3,8% das compras.


Productos máis mercados na Rede
Productos máis mercados na Rede

A compra 24x7, principal vantaxe para o consumidor

A  dispoñibilidade e a comodidade da Rede e as tendas virtuais abertas a todas horas durante tódolos días da semana (24x7) son as razóns que máis animan ós internautas á hora de mercar dende o ordenador. Sen embargo, o aforro de custos non é percibido aínda como unha das principais vantaxes, cando moitos productos son máis baratos se se mercan on line. Semella desprenderse desta información que os galegos necesitan máis práctica na compra on line para detectar os seus beneficios.

¿Por que mercan por Internet os galegos?
¿Por que mercan por Internet os galegos?

A inseguridade, principal obstáculo

O 46,3% dos usuarios non merca na Rede porque cre que é unha canle insegura, porcentaxe que aumentou un 7% respecto do ano pasado. A percepción de que as transaccións vía Internet non son seguras segue a ser o lastre máis importante para o despegue das vendas de comercio-e en Galicia. Outras das razóns que o obstaculizan son a preferencia de métodos tradicionais (para o 28,1% dos internautas) e a necesidade de ver o producto antes de adquirilo (para o 26,2%).

¿Por que non mercan por Internet os galegos?
¿Por que non mercan por Internet os galegos?

 
Revista


[Anterior :: Observatorio]

[Seguinte :: Estudio de caso]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión