|
Os procesos de distribución dunha empresa de comercio electrónico dependen do tipo de producto que comercializa: non é o mesmo distribuír un producto estándar, un producto fráxil ou un producto perecedeiro. Tres iniciativas galegas de comercio-e: Librariacouceiro.com, Amboa.com e Mariscosgallegos.com analizan os problemas de loxística que atopan nos seus negocios.
 |
Mariscos Gallegos, premio Innova
|
“Os nosos clientes valoran a puntualidade”
Mariscosgallegos.com naceu en setembro do 2002. Actualmente serve en 24 horas peixe e marisco a toda España, incluíndo Baleares e Canarias, polo que a rapidez dos seus procesos de distribución é fundamental. Patricia Peña é a súa directora de Administración.
Pregunta: ¿Cal é o voso proceso de distribución? Resposta: Toda a loxística témola subcontratada. A distribución dende as lonxas das periferias ata o porto de A Coruña fana diferentes empresas rexionais. En cambio, o transporte dende A Coruña a todos os puntos de España faino SEUR Frío 13:30. O transporte da nosa mercadoría é moi complicado por ser perecedeira e ten que facerse nunha cadea de frío continua. Isto condiciónanos moito. P: ¿Tedes algún problema cos procesos de distribución? R: Ó ter este proceso subcontratado, a empresa responsable ocúpase de todo. P: No caso de que o producto non chegue adecuamente ó cliente, ¿quen corre cos gastos? R: Mariscosgallegos.com. Este é un tema fundamental, pois o impacto dos custos de envíos sobre a marxe final do noso producto é altísimo. P: ¿Que valoran máis os vosos clientes do proceso de distribución? R: Os nosos clientes valoran por riba de todo a calidade do servicio e a puntualidade na entrega.
www.mariscosgallegos.com
“En Galicia non hai empresas de embalaxe á medida”
Amboa é unha tenda compostelana que vende productos de artesanía e xoias en prata e acibeche. Dende o ano 1999 podemos atopalos na Rede, na web www.amboa.com. O responsable de Amboa é Alejandro Sande.
Pregunta: ¿Cal é o voso proceso de distribución? Resposta: Temos contrato con DHL Express, empresa internacional que leva todo o proceso de distribución cos seguintes prazos de entrega: un par de días para a Península, tres ou catro para Europa, e arredor dunha semana no resto do mundo. Vendemos sobre todo xoias, porque as pezas de artesanía son máis difíciles de levar ó cliente. P: ¿Qué problemas ten a distribución de artesanía? R: Non é que non a ofertemos, o que ocorre é que moitas veces non compensa. Son pezas moi fráxiles e necesitan embalaxes a medida, xa que son todas diferentes en forma e tamaño. O problema é que non existe aquí unha empresa que fabrique as embalaxes. Encargalas fóra encarece moito o producto. P: Entón, ¿cal é a solución? R: Que se aposte en Galicia por este tipo de empresas de embalaxe, porque hai outros productos similares que tamén as demandan.
www.amboa.com
 |
|
A loxística, o maior problema para unha PEME
Couceiro é unha librería compostelana especializada no libro galego. No 2002 naceu a súa tenda virtual, que lles posibilita dar un servicio “máis amplo” que nunca, segundo o seu xerente, Pablo Couceiro.
Pregunta: ¿Cal é o voso proceso de distribución? Resposta: Decídeo o cliente, pero adoita a preferir o correo tradicional xa que, aínda que tarda máis en chegar, é moito máis barato. Os envíos sempre van certificados, porque ante calquera problema sempre podes saber que pasou cun envío concreto. P:¿Que significa a loxística para un negocio pequeno que se introduce no comercio electrónico? R: Para un negocio pequeno o problema máis grande é a loxística, no sentido de que unha gran empresa ou unha tenda virtual grande pode acceder a mellores condicións coas empresas de transporte. A nosa única posibilidade de poder ofrecer este servicio ten que repercutir no cliente, xa que moitas veces é o comprador quen ten que pagar os portes. Pero nós podemos ofrecer un servicio máis persoalizado, ó contrario que estas empresas. P:¿Que importancia lle dades á loxística dentro da vosa estratexia? R: Unha importancia vital. De nada vale ter a web actualizada se non es capaz de enviar o pedido tal e como o solicita o cliente.
www.librariacouceiro.com
|