|
O emprego do correo electrónico vaise impoñendo para as comunicacións profesionais das empresas, de xeito que lle vai comendo terreo ó uso do teléfono. A flexibilidade da comunicación e o abaratamento dos gastos son algunhas razóns para que o e-mail estea acadando unhas elevadas cotas de emprego a nivel empresarial.
O correo electrónico vai camiño de convertirse no principal xeito de comunicación entre as empresas, por riba do teléfono. Neste sentido, un estudio de META Group, feito en abril deste ano a 387 empresas de todo o mundo, revela que o 80 por cento das compañías prefire empregar o e-mail nas súas comunicacións empresariais diarias. Pola contra, só o 20 por cento escollen o teléfono como medio de comunicación, antes que o correo electrónico.
As razóns esgrimidas por estas empresas son variadas: o 84% escolle o e-mail pola flexibilidade destas comunicacións, o 83% pola facilidade de contacto con varias persoas á vez e o 40% pola rapidez da comunicación on line, segundo o estudio de META.
En Galicia Estes datos son aplicables tamén a Galicia, como queda de manifesto no informe e-Barómetro 2003 deEmpresas que inclúe o Centro de Competencias en Comercio Electrónico neste número de e-negociogalicia. O e-Barómetro amosa un uso extendido das ferramentas de Internet dentro das empresas (concretamente, o 69,25% empregan as utilidades da Rede no seu traballo diario). Dentro destas utilidades, o correo electrónico é a ferramenta máis valorada e a máis utilizada: o 87,5% das compañías con Internet tiran proveito do e-mail externo. Por detrás quedan outras utilidades de Internet, como a busca de información (68,6%) ou a banca electrónica (57,1%). Iso si, cómpre suliñar que canto máis grande e máis empregados ten unha empresa, máis utiliza o correo electrónico: o 66,1% das empresas con menos de 10 empregados usan o e-mail, mentres que son o 86,3% das que teñen máis de 50 empregados as que escollen este tipo de comunicación on line. As vantaxes do correo electrónico son diversas: o abaratamento dos custos de comunicación é a máis evidente (resulta máis barato enviar un mail a Madrid que, por exemplo, facer unha chamada). Outras vantaxes refírense á flexibilidade da comunicación (non esixe que a persoa requerida estea no posto de traballo, xa que pode contestar máis tarde) e á posibilidade de contactar con varias persoas cun só e-mail.
 |
| Principais usos de Internet na empresa (Fonte: e-barómetro Empresas 2003) |
 |
| Razóns para preferir o email ó telefono (Fonte: e-barómetro Empresas 2003) |
|