Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio09 | TendaVirtual    


Tenda Virtual (paso VI): O marco legal da empresa 'on line'

Integrada a pasarela de pagos [?] e escollido o servicio de loxística máis axeitado, precisamos poñer ó día a nosa tenda virtual para que cumpra coas garantías legais necesarias e, deste xeito, protexa ós actores da transacción ante calquer fraude. Neste artigo abórdanse brevemente os pasos necesarios para cinguirnos ó marco legal que establece a LSSICE.

A Lei 34/2002, do 11 de Xullo, de Servicios da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (LSSICE), aprobada o 12 de outubro de 2002, vén a cubrir o baleiro legal na regulación da venda a través de Internet. Esta lei regula o réxime xurídico dos servicios da sociedade da información e da contratación vía electrónica, e afecta ós prestadores de servicios da sociedade da información, así como ós servicios que prestan, é dicir, ás empresas e particulares que proporcionen servicios on linea petición do usuario e obteñan algún beneficio económico deste, sexa directo ou non.


REXISTRAR O NOSO DOMINIO

Para vender a través de Internet, a empresa debe cumprir as mesmas normas que na venda física, é dicir, séguese o principio de libre prestación de servicios e non se precisa dunha autorización previa. A LSSI establece só  dúas obrigacións: a de rexistro e a de información. Deberemos comunicar ó Rexistro Mercantil onde a nosa empresa está inscrita ou no “rexistro público no  que o estivesen para a adquisición de persoalidade xurídica ou aos sós efectos de publicidade” o noso nome de dominio. Na nosa web informaremos de quen é o responsable, enderezo de contacto, política de privacidade, etc. Deste xeito, facilitamos ós internautas que nos visiten a nosa identificación.


PROTECCIÓN DE DATOS E SPAM

A LSSI establece tamén a obrigación de rexistro das bases de datos de clientes, remitíndose á Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD). Dende a web da Axencia de Protección de Datos podemos inscribir os nosos ficheiros (www.agenciaprotecciondatos.org). Esta lei impón obrigacións legais para as persoas físicas ou xurídicas que posúan ficheiros con datos de carácter persoal, penalizando a quen non a cumpra con multas de entre 600 e 600.000 euros en función do carácter e clasificación que a propia lei fai da información. Por outra banda, a Lei de Servicios da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico prohíbe expresamente o correo electrónico non solicitado (‘spam’) no artigo 21. É preciso pedir confirmación explícita ós subscritores, así como incluír en cada envío a posibilidade de darse de baixa. A isto engádese a obrigación da LOPD de solicitar o consentimento do destinatario para incluír o seu e-mail no ficheiro de publicidade da empresa. (Ver e-negociogalicia 04).



CONTRATACIÓN E CONFLICTOS

Os contratos feitos vía electrónica son tan válidos como os contratos físicos. Mais é obrigatorio informar dos trámites da compra, e tamén confirmar a recepción da aceptación unha vez realizada a transacción. En canto á parte que atinxe á resolución de conflictos, a LSSI impulsa a arbitraxe on line, así como a adhesión a Códigos de Conducta. A arbitraxe é un procedemento extraxudicial e voluntario de resolución de conflictos que fai un terceiro independente e neutral. Este emite un dictame sobre unha controversia que as partes se comprometen a acatar. As vantaxes da arbitraxe son: rapidez, eficacia sen necesidade de recorrer á vía xudicial ordinaria e baixos custos, entre outras. En canto ós códigos de conducta empresariais, no noso país non existe a obrigación legal de adherirse a eles, se ben a LSSI o recomenda, ó tempo que fomenta a súa creación, co fin de incrementar a seguridade e a confianza dos consumidores nas empresas que operan a través da Rede.

 
Revista


[Anterior :: eBarometro Usuarios]

[Seguinte :: Iniciativas Galegas]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión