|
Nos números anteriores de e-negociogalicia publicamos os datos do e-Barómetro 2002 que atinxen ós hábitos das empresas e usuarios galegos en canto a novas tecnoloxías e Internet. Nesta nova entrega do Informe que realiza o Observatorio do Centro de Competencias a partir do estudio feito pola USC, comprobamos como son os hábitos dos internautas galegos en cada unha das provincias da nosa comunidade.
Máis presencia de Internet nas provincias atlánticas
En Galicia, o 17,6% dos cidadáns teñen acceso á Rede dende o seu fogar. Desglosando por provincias este dato, son as dúas provincias galegas con maior número de habitantes as que contan coa taxa máis grande de conexións. Pontevedra é a que ten máis usuarios conectados, un 18,8%, seguida moi de preto por A Coruña, cun 18,6%, Lugo, cun 15,2% e, no último posto, Ourense, cun 14%. É evidente, pois, a fenda aberta neste indicador entre as provincias atlánticas respecto de Ourense e Lugo.
 |
| Con conexión a internet no fogar |
Formas de acceso a Rede: o módem aínda é o rei
O 64,6% dos internautas galegos conéctanse á Rede dende un módem [?] analóxico. Este é o método de conexión maioritario en cada unha das nosas provincias: para o 66,4% dos coruñeses, para o 73,2% dos lugueses, para o 66% dos ourensáns e para o 59,2% dos pontevedreses. As liñas ADSL [?] son a segunda forma de acceso máis elexida: é o método que utilizan o 13,5% dos galegos. Destos, o 15,8% pertencen á provincia de A Coruña, o 8,9% á de Lugo, o 22,7% á de Ourense e o 9,6% á de Pontevedra. O despegue da tecnoloxía de cabo e a súa boa aceptación en Pontevedra propicia que estea moi igualada coa conexión por ADSL [?]. Na gráfica de Lugo comprobamos como, curiosamente, os lugueses utilizan medios de conexión a Internet “alternativos”, como o móbil. Posiblemente, isto se deba á maior presencia do ámbito rural.
 |
| A Coruña |
 |
| Lugo |
 |
| Ourense |
 |
| Pontevedra |
A tarifa plana, opción maioritaría nas catro provincias galegas
O Informe e-Barómetro Usuarios (I), publicado no número 07 de e-negociogalicia, amosábanos o grande número de galegos, o 57,10%, que escollen a “tarifa plana” como plan de conexión. Este dato, analizado polo miúdo por provincias, reflicte os seguintes resultados: en A Coruña escollen a tarifa plana o 61,9% dos internautas, en Lugo, o 58,2%, en Ourense, o 56,6%, e en Pontevedra, o 51,1%. Con esta estatística na man, é evidente que os usuarios con tarifa plana son maioría, aínda que é curiosa a baixa cifra de internautas que empregan este sistema para conectarse á Rede na provincia de Pontevedra comparado, por exemplo, con Lugo.
 |
| Usuarios de internet con tarifa plana |
A metade dos internautas galegos que mercan on line son coruñeses
A media galega dá como resultado que o 8,4% do total dos internautas do noso país mercou algunha vez por Internet en tendas de comercio electrónico. Destos internautas que mercan on line, a metade proveñen da provincia de A Coruña, un resultado lóxico, posto que tamén é unha das provincias galegas que conta con máis xente conectada á Rede. A continuación, atópase Pontevedra, onde se concentra o 32,1% dos internautas galegos que probaron o comercio electrónico, seguida de Ourense (10,7%) e, por último, Lugo (7,1%). De novo, a diferencia entre as provincias atlánticas respecto de Ourense e Lugo queda de manifesto.
 |
| Internautas que mercan pola rede |
As compras de menos de 100 euros, as máis comúns
A meirande parte dos galegos que navegan por Internet e que ademais se deciden a mercar on line gastan menos de 100 euros ó ano. En A Coruña, un 42,4% gastan menos de 100 euros anualmente, en Lugo fano o 33,3%, en Ourense, o 37,9% e en Pontevedra, o 44,1%. É significativo que en Ourense, a pesar de ser a segunda provincia que menos compras electrónicas realiza, un 62,1% dos compradores on line fan un desembolso anual importante, de entre 100 e 300 euros, mentres que en A Coruña só o 10,1% dos clientes gasta esta cantidade, e en Pontevedra o 24,3%. As compras por riba dos 300 euros son as que menos se prodigaron en tódalas provincias galegas.
 |
| ¿Canto gasta ó ano en compras por Internet? |
|