|
En marzo, o Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia cumpriu un ano de andanza. Neste curto espacio de tempo, son moitas as actividades desenvolvidas e os obxectivos acadados pero, sobre todo, durante a traxectoria do Centro queda patente que o comercio electrónico se vai abrindo paso, de xeito lento pero tamén inevitable, entre a empresa galega. O resumo de actividades do Centro amósao.
Observatorio
O Observatorio do Centro de Competencias en Comercio Electrónico rematou a publicación do Informe e-Barómetro correspondente ó ano 2002, a partir do estudio do Equipo de Investigacións Políticas e Sociolóxicas da USC. Os datos revelados neste informe centráronse no emprego de Internet e o comercio electrónico na nosa comunidade, tanto entre as empresas galegas como entre os cidadáns. O informe foi difundido a través da revista enegociogalicia, na web do Centro de Competencias e a través de diversas publicacións e medios de comunicación rexionais. Ademais doutros informes de interese xa divulgados na web, nestes momentos, o Observatorio do Centro de Competencias xa prepara o informe e-Barómetro correspondente a este ano 2003. www.e-negociogalicia.com
Formación
A área de Formación acadou un gran éxito de demanda durante o último ano. As inscricións de alumnos nos cursos superaron con moito a oferta de prazas e o cheo foi unha constante na meirande parte destes cursos. Deste xeito, nos 20* cursos organizados polo Centro de Competencias ata o pasado mes de marzo formáronse máis de 250* empresarios, directivos e persoal de PEMEs galegas. O programa de formación de comercio electrónico do Centro continúa ata setembro de 2003, período no que está previsto celebrar 10 cursos máis nas principais cidades galegas. Ademais, o Centro de Competencais organizou varias conferencias e participou noutros eventos nos que as empresas galegas se interesaron por información relativa ó comercio electrónico. * Datos actualizados a 15 de marzo www.e-negociogalicia.com
Soporte
A área de Soporte do Centro entrou en funcionamento pouco antes do verán pasado. Dende entón, as consultas de empresas que procuraban unha orientación inicial respecto ó comercio electrónico ou Internet foron in crescendo, ata o punto de que varias PEMEs decidiron poñer en marcha iniciativas de comercio electrónico. Xunto ás empresas tradicionais galegas, foron tamén numerosas as empresas TIC que se rexistraron na base de datos de Centro correspondente a provedores deste tipo de servicios. Nos vindeiros meses, o Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia agarda que a curva de demanda das empresas galegas nesta área non só se consolide senón que ademais experimente un importante pulo. www.e-negociogalicia.com
Comunicación
O gabinete de Comunicación foi o catalizador das informacións xeradas polo Centro. Coa revista enegociogalicia e a páxina web como principais instrumentos, o Centro de Competencias difundiu contidos de interese sobre comercio electrónico. A revista e-negociogalicia, da que se publicaron xa 10 números e se distribuiron case 70.000 exemplares entre as PEMEs galegas no último ano, rexistrou gran demanda e foi obxecto de numerosas solicitudes por parte das PEMEs galegas. Mentres, a páxina web obtivo unha media de máis de 4.000 visitas [?] ó mes. O gabinete de comunicación desenvolveu ademais outras actividades propias do seu ámbito, como notas de prensa, e-mailings [?], etc. que axudaron a espertar o interese da empresa galega nesta nova canle de venda. www.e-negociogalicia.com
|