|
A segunda parte do Informe e-Barómetro 2002 de Usuarios saca á luz datos sobre o coñecemento dos galegos en comercio electrónico, os seus hábitos de compra e os beneficios e obstáculos que atopan mercando a través de Internet. O Observatorio do Centro de Competencias realiza este Informe a partir do estudio desenvolvido polo Equipo de Investigacións Políticas e Sociolóxicas da USC.
Descoñecemento do concepto
Á pregunta de “¿Sabe o que é o comercio electrónico?”, o 49% dos galegos contestaron que non. É esta unha porcentaxe moi alta, que describe o pobre desenvolvemento das TIC na nosa comunidade con respecto ós países europeos máis desenvolvidos.
O 8,4% dos internautas mercaron na Rede
Só o 8,40% do total dos internautas galegos mercaron algunha vez nunha páxina de comercio electrónico. Ó lado do 35% que conforma a media Europea, volve a confirmar a “fenda dixital” existente entre as rexións máis e menos desenvolvidas en canto a TIC e Internet se refire.
O gasto anual de compras electrónicas non adoita superar os 100 euros
Internet é unha canle de venda pouco explotada, como podemos comprobar ó analizar os resultados da pregunta: “¿Canto gasta ao ano comprando en internet?”. As compras que os galegos fan a través da Rede son de pouco valor. O 44% dos clientes on line gastan menos de 100 euros ó ano, e tan só o 3,40% fan un desembolso medio anual de entre 1.200 e 3.000 euros. Entre os productos vendidos pola Rede, hai un segmento principal onde se enmarcan o turismo, a música e as publicacións. No segundo e terceiro nivel atopamos artigos relacionados con consumibles electrónicos, software, hardware e periféricos para o ordenador. O último escalón (lixeiramente por riba do anterior) correspóndelle ós productos gourmetou especializados e difíciles de conseguir nas tendas habituais ou polas canles tradicionais (venda física), o que fai necesaria a búsqueda e compra por Internet
Música, viaxes e libros: os productos máis mercados en Internet
Hai tres sectores que se benefician máis da venda on line en Europa e en Galicia; son aqueles que os internautas colocan nos primeiros postos das súas listas de compra dende hai xa algúns anos: o sector turístico, a música e as publicacións. Outros tipos de productos están abríndose paso, xa que son productos “estándar” que non fai falla probar antes de mercar. Son os consumibles electrónicos (cámaras, equipos de son, reproductores de mp3, etc), o software (sobre todo videoxogos) e as entradas para o cine. Finalmente, e a moita distancia, quedan as vendas de alimentos, xoguetes e demais, que aínda non lograron consolidar o seu espacio dentro do comercio electrónico.
Razóns para mercar on line:
Existen varias vantaxes que o consumidor final atopa en mercar nas tendas de Internet, algunhas case na mesma orde de preferencia. A variedade á hora de escoller un producto, o feito de podelo mercar dende a propia casa, a dispoñibilidade da tenda on linedurante as vintecatro horas do día, precios máis competitivos ou dispoñer de productos difíciles de conseguir polas vías tradicionais son os principais atractivos desta canle alternativa de venda que cada día conta con máis adeptos.
A desconfianza na seguridade do pago, a grande barreira do comercio/e
As razóns que aducen os internautas galegos cando se lles pregunta porqué non mercan en Internet veñen propiciadas por unha clara falta de información. Así o amosan as respostas obtidas: como principal barreira está a perda de confidencialidade, cando o certo é que os medios electrónicos e a encriptación teñen a súa seguridade comprobada. Curiosamente a loxística non se detecta como problema, cando en Europa é un dos máis importantes.
|