|
Aproximadamente, o trinta por cento das vendas anuais de moitas empresas concéntrase en Nadal. O comercio electrónico non é alleo a este impulso e moitas das tendas galegas on line centran as súas esperanzas nesta época do ano. Nesta reportaxe botamos unha ollada ás expectativas para a campaña de Nadal e ó percorrido alcista do comercio electrónico no 2002, centrándonos na venda ó consumidor (B2C).
Para moitas das empresas con iniciativas de comercio electrónico, as datas de Nadal preséntanse como a mellor oportunidade para salvar o ano, no tocante a vendas.
Para outras, simplemente é unha época na que as vendas on line aumentan considerablemente. No que respecta ó comercio electrónico, este Nadal chega como unha nova proba de lume sobre o crecemento desta canle de negocio, especialmente no que ás vendas ó consumidor final (B2C) se refire.
“As vendas incrementáronse de xeito espectacular dende agosto”
Nos últimos meses, os datos de vendas do comercio-e en España amosaron unha importante curva de crecemento, que pode acentuarse aínda máis en decembro. As datas son propicias. Sen ir máis lonxe, as vendas de Nadal do ano pasado 2001, rexistraron un crecemento do 79% comparado co mesmo período do 2000, segundo a Asociación Española de Comercio Electrónico (AECE). En concreto, a cifra de vendas en Nadal do 2000 ascendeu a 96,3 millóns de euros, polos 172 de decembro do 2001. Pola súa banda, un informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), relativo ó comercio electrónico, amosa cifras máis baixas, que reflicten a cantidade de cartos que moveu o comercio-e (só contabiliza as transaccións realizadas a través de entidades de pago españolas e non inclúe, por exemplo, os pagos contrarrembolso). A CMT deixa igualmente ben ás claras o crecemento nas vendas entre o terceiro trimestre do 2001 (de 28,7 millóns de euros) e o do 2002 (de 75 millóns). As diferencias entre a AECE e a CMT débense a que a Asociación Española de Comercio Electrónico inclúe no seu informe as vendas contrarrembolso e a reserva de pedidos por Internet.
AS PREVISIÓNS
As grandes consultoras europeas e americanas auguran que o crecemento do comercio-e vaise acentuar neste Nadal. Por exemplo, Forrester Research anuncia que o comercio-e producirá 164 millóns de euros en vendas en España nas datas de Nadal. Ademais, segundo Jupiter Research, o crecemento de vendas on line en Europa neste Nadal é dun 55% comparado coas mesmas datas do 2001. En Galicia, as empresas con canle de venda on line agardan que estas cifras se tornen realidade e toman medidas ante o posible incremento de vendas. Por exemplo, www.efutgol. com fixo un importante esforzo de loxística nos derradeiros meses. “O incremento de vendas dende agosto foi espectacular. Por iso reforzamos ‘toda’ a loxística: persoal de atención ó cliente, ampliación de persoal de almacén, etc”, asegura o xerente de Futgol, Juan Cividanes.
 |
| Fonte: Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones (www.cmt.es) |
|