|
Chegamos ó terceiro paso para a creación da tenda virtual. Trátase dun momento no que a aposta polo comercio electrónico tórnase decidida e a iniciativa en Internet vai máis aló dunha web informativa. Agora, temos que engadir á nosa páxina un catálogo escollido de productos e a función do carriño da compra, que permite ó comprador acceder ó presuposto total da compra e á lista de productos que quere mercar.
Chegamos ó terceiro paso para a construcción da nosa tenda virtual: a incorporación do carriño da compra. É esta unha fase no que a aposta polo comercio electrónico vólvese decidida na nosa páxina web.
O CATALOGO DE PRODUCTOS
Neste terceiro paso, o primeiro que temos que ter en conta é a incorporación dun catálogo de productos a nosa web. É esta unha tarefa que se pode tornar extensa e complexa se o que pretendemos é incluír un amplo catálogo. Por iso, e seguindo coa nosa política de mellorar pouco a pouco a web, a mellor opción é publicar inicialmente un catálogo que podemos reducir a uns 20 productos, aproximadamente. Trataríase de que os artigos con máis impulso de vendas ou os que mellor se poidan vender por Internet estean presentes na web, como gancho antes de ofrecer máis artigos. Máis adiante, cabe a posibilidade de ampliar o catálogo con máis productos.
AS FOTOGRAFÍAS
Á hora de incluír o catálogo na web é necesario ter en conta que haberá que ter dispoñibles as fotografías dos productos que queremos publicar. Aquí caben varias posibilidades: 1. Se non temos fotografías dos productos, haberá que facelas (mellor cunha cámara dixital para aforrar o escaneado) e logo tratalas dixitalmente e maquetalas para a web. 2. Se temos as fotografías en papel, haberá que escanealas, tratalas dixitalmente e maquetalas. 3. Se xa temos as fotografías dixitalizadas e gardadas nun ordenador, teremos moito andado e o traballo verase reducido para o provedor de servicios informáticos, co conseguinte aforro na súa factura. Agora que xa contamos coas imaxes dos productos, haberá que recopilar a información destes e que imos publicar na web. No caso de non contar con esta información, haberá que recorrer ó noso maiorista, xa que esta información é básica para os visitantes que cheguen á páxina web e que pretendan mercar algún artigo. A información detallada sobre o producto é imprescindible.
O CARRIÑO DA COMPRA: ¿QUE É?
O carriño da compra on line parécese ó carriño da compra dun supermercado que todos coñecemos. Cando un consumidor entra nunha tenda virtual, selecciona os productos que desexa e engádeos a unha lista. Cando remata de elixir, poderá acceder na web á lista completa dos productos que vai mercar, co precio incluído de cada un deles e o precio total da compra. Finalmente, pode facer o pedido. Esta función faina o carriño da compra, que non é máis que unha aplicación informática que recopila a información sobre a compra on line. Trátase dun paso previo ó pago.
FÁCIL INTEGRACIÓN
O carriño da compra é unha función sinxela de integrar na nosa web e que pode facerse á nosa medida, empregando a mesma tecnoloxía web que xa utilizamos na creación e mantemento da nosa páxina. A integración na web non é custosa e permite facer pedidos que, de non ter integrada a pasarela de pagos [?] (tema que trataremos no vindeiro artigo), haberá que pagar de xeito físico, é dicir, contrarrembolso, transferencia, etc.
|