Pc-portatil, unha referencia no hardware de ocasion
www.pc-portatil.com
Pc-portatil.com é o portal [?] de venda na Rede da empresa Arcon Ourense que oferta todo tipo de artigos informáticos novos (portátiles, fixos, pezas de recambio…), pero tamén usados, de ocasión ou stock. O obxectivo da empresa foi converterse nun punto de referencia no mercado do hardware de ocasión, tanto para usuarios como para distribuidores. Para levar a bo fin este obxectivo, naceu en 1999 a web www.pcportatil.com, cun presuposto de partida de 3.000 euros e cun gasto anual de mantemento duns 900 euros. Dun mercado local posibilitado pola tenda física, a web ampliou o territorio (vendas no extranxeiro) e o número de clientes. Se no 99 eran arredor de 20 as visitas [?] diarias, hoxe chegan a ter unhas 400. Agora, as vendas directas a clientes supoñen uns 18.000 euros ó mes. Segundo os responsables de pc-portatil.com, os beneficios que pode reportar a web ó comprador son os precios máis económicos, a posibilidade de acceder a toda a información do producto e poder resolver dúbidas técnicas de xeito gratuito a través do foro [?]. Hoxe tentan afianzar a súa clientela habitual, pero os seus pasos encamíñanse a "ser unha peza clave no mercado do hardware de ocasión, tanto en España coma en Portugal".
 |
Domingo Díaz, Director de Marketing
|
Sibariasite.com aposta polos licores da terra
En xullo de 2001 naceu en Petín (Ourense) a sociedade Sibaria Selección S.L., que deu paso á web www.sibariasite.com, onde ofertan licores tradicionais ós seus clientes. O obxectivo inicial era comercializar licores partindo da recuperación de recetas tradicionais. Por iso, o licor café e o augardente son os productos que ofrece a web. A particularidade de Sibariasite é que non conta con tenda física.
Dende un principio, segundo comenta o director de marketing de Sibariasite, Domingo Díaz, apostaron claramente por Internet como canle de venda. O comprador de Sibariasite pode atopar productos exclusivos e ten a vantaxe de que non paga os custos adicionais de transporte, dos que se fai cargo a empresa. Agora, a web serve tamén como canle de comunicación bidireccional con clientes (suxerencias) e distribuidores (pedidos). A aposta por consolidar a tenda virtual é clara, segundo di Domingo Díaz, se temos en conta que "dende Internet realízanse o 70% das vendas". A porcentaxe restante das vendas correspóndese coas pechadas a través de teléfono ou fax. No futuro, pretenden ofertar máis productos propios, así como os doutros distribuidores, galegos e, incluso, de Alemaña ou Colombia. Para a creación e o mantemento da web acudiron á empresa coruñesa Koinédigital.
www.sibariasite.com
 |
|
Amboa: a ourivería poténciase en Internet
Amboa, tenda compostelana de ourivería, cerámica e xoias, iniciou a súa andaina en Internet cunha páxina plana en 1993, pero non foi ata o 1999 cando deron o paso cara a tenda virtual on line.
Cun presuposto inicial de 9.000 euros, contrataron a Infoneting (www.infoneting.com) para levar a cabo o soporte técnico e estableceron a súa pasarela de pagos [?] a través do Banco Pastor. Despois, incorporaron un catálogo duns 2.000 productos de prata, que se foi ampliando con obxectos de acibache e madeira. Amboa pronto se atopou cunha limitación aínda non superada: a da embalaxe. Esta tarefa corre a cargo da tenda, xa que non existe empresa algunha especializada neste proceso. Isto encarece os custos e dificulta o envío de pezas moi fráxiles, especialmente as de cerámica, das que o 20-30% das pezas dos envíos chegan rotas, segundo afirman dende Amboa. De tódolos xeitos, Amboa segue a facer esforzos por fidelizar clientes, asumindo este gasto. Os seus principais compradores son galegos no estranxeiro ou turistas coñecedores da tenda física. Actualmente, Amboa está a probar o mercado con vendas a particulares en España, Europa, México ou EE.UU.
www.amboa.com
|