|
As librerías on line contan con algunhas vantaxes fronte ás tradicionais que poden resultar atractivas para os potenciais clientes. No caso galego, son varias as librerías on line que captaron compradores en diversas partes do mundo, sobre todo en Europa e Latinoamérica. A Rede non só é un escaparate virtual, senón tamén un negocio que medra pouco a pouco.
A porcentaxe de lectores que le ou consulta libros na Rede ascende ó 8%, segundo o "Barómetro de hábitos de compra e lectura de libros. Xaneiro-Setembro 2001", realizado polo Ministerio de Cultura e a Federación de Gremios de Editores de España. Do mesmo informe extráese que, a pesar de que un de cada tres lectores utiliza con frecuencia a Rede, a penas chegan ó 1,5% os que mercan libros a través do comercio electrónico. Esta é unha porcentaxe pequena, pero que medra lentamente, posto que hai tres anos era do 0,75%. Por outra banda, no último trimestre a media de cada comprador on lineé de dous libros, o que da unha idea do seu grao de fidelidade. Internet no ámbito literario é cada vez máis importante, xa que condiciona os hábitos de lectura. Das persoas que se conectan á Rede, arredor dun 15 por cento buscan páxinas relacionadas coa literatura. Ademais, moitos clientes consultan a páxina web dunha librería on line, pero mercan na tenda física ou por correo. Nunha librería on line non podemos curiosear entre os andeis dos libros, nin pasar as páxinas, pero si comprobar que o título está á venda ó tempo que lemos o que se publicou sobre el, as críticas ou mesmo descargar algún capítulo.
OS LIBROS, SEGUNDO ARTIGO MÁIS MERCADO NA REDE
O comercio-e medra, se ben as cifras de facturación son modestas en comparación coas canles tradicionais de venda. No caso do libro só o 0,16% (3.990.720 euros, isto é, 664 millóns de ptas) da facturación en España pola venda de libros se orixina a través da Rede, segundo o “Estudio sobre Comercio Electrónico en España AECE 2002”. Dende outra perspectiva, o estudio da AECE di que o 26,5% dos mercadores por Internet adquiriron libros no ano 2000. Este producto é o segundo máis mercado, só por detrás da música (28,4%). Noutros estudios os libros chegan a ocupar o primeiro posto. Senembargo, estas cifras de hábitos de compra nondesglosan cales foron realizadas a empresas estranxeiras e cales a españolas. Un dato clave no ámbito do libro, e máis no caso galego, posto que unha das vantaxes da Rede é a facilidade para comprar productos difíciles de atopar no noso contorno. As vendas do libro galego a través da Rede acadan cifras similares ás estatais. Segundo o “XIII Estudio de Comercio Interior do Libro en España”, no ano 2000, a facturación de libros editados en Galicia vendidos por Internet é de 30.050 euros (cinco millóns de ptas), o que supón o 0,2% do total da facturación, porcentaxe semellante á do total estatal. Galicia ocupa un lugar intermedio en comparación con outras rexións do estado.
 |
| Elaboración a partir do XIII Estudio de Comercio Interior do Libro en España |
|