|
O fútbol tense convertido nos últimos anos nun fenómeno global e, sobre todo, nun negocio lucrativo. Con estas premisas, a Rede aparece como unha canle de venda que posibilita o establecemento de negocios virtuais con importantes expectativas de rendibilidade. Nesta reportaxe examinanos exemplos de empresas galegas, como e-Futgol, o Deportivo ou o Celta, que tiran proveito de Internet para vender os seus productos por todo o mundo.
Hoxe en día é difícil atopar un lugar no mundo onde os nomes de Ronaldo, Rivaldo ou Zidane non sexan coñecidos. Neste mundo do merchandising futbolístico, a Rede móstrase coma unha canle axeitada para facer negocio gracias a súa cobertura global, é dicir, a capacidade para chegar virtualmente a todo o mundo. O Celta e o Deportivo, os dous clubes máis importantes do noso fútbol sábeno e por iso empregan Internet para vender os seus productos a todo o mundo. Por poñer un exemplo, o xogador arxentino do Celta, Gustavo López, é un xogador famoso, mais non en todo o mundo. Sen embargo, si conta cun grande número de seguidores en Arxentina, onde seguen as súas evolucións a través da Rede, buscando información sobre o seu equipo (o Celta), os seus goles ou mesmo optan por mercar a camiseta do clube céltico co nome de Gustavo López serigrafiado ás costas.
FACTORES A FAVOR
Existen varios factores que fan do fútbol un negocio propicio para explotar por Internet. Segundo diferentes estudios, o internauta medio é unha persoa nova e varón, que se achega ó dos compradores de equipamentos deportivos, como camisetas, botas, balóns, etc. Ademais, no caso de Galicia, existe un fenómeno que facilita as vendas vía Internet: a emigración. Os emigrantes galegos son habituais seguidores dos nosos clubes, o que se pode comprobar nos partidos que o Celta e o Depor xogan en Europa. Para eles, o fútbol é un elemento de referencia cara a súa terra. Gracias a Internet poden seguir día a día os resultados do seu equipo, os goles e, por suposto, mercar.
 |
| Futgol persoaliza as camisetas de fútbol co nome dos xogadores ás costas |
www.e-futgol.com, a cadea de tendas galegas de fútbol
Futgol, unha cadea viguesa de tendas adicada ós artigos deportivos, principalmente futbolísticos, constitúe un bo exemplo de adaptación da estratexia dun proxecto ás características da Rede. A páxina de Futgol (www.e-futgol.com), que xa conta con cinco establecementos en Galicia, naceu en Agosto do 2000. O responsable da empresa, Juan Manuel Cividanes, partía coa idea de que o éxito da páxina pasaba por ter moitas visitas [?]. Por iso, nun primeiro momento, e-futgol.com, ademais de tenda virtual, era tamén un diario deportivo con equipo de redacción propio. Pero os comenzos foron difíciles e as expectativas elevadas, e non acadaron os obxectivos previstos. Non obtiña ingresos por publicidade e as vendas eran reducidas, polo que en marzo do 2001 tívose que prescindir do diario electrónico.
AS PÁXINAS AFILIADAS
A idea rectora de Cividanes seguía a ser a importancia de ter un importante fluxo de visitantes. Futgol afiliouse con outras webs de deporte que non teñen tenda virtual, pero que reciben moitas visitas [?]. Deste xeito, a cambio dunha comisión por artigo vendido, Futgol coloca filiais da súa tenda noutras páxinas web. Así, os seus productos poden ser mercados por milleiros de usuarios, despois de facer clic no enlace da tenda que Futgol coloca na web afiliada. Os datos proporcionados por Juan Manuel Cividanes apuntan a que a readaptación da estratexia está a ter bos resultados. Segundo dixo, en setembro venderon arredor de 3.000 artigos, a metade deles dende a súa web e a outra metade a través das webs afiliadas. Os artigos máis vendidos foron as camisetas oficiais dos xogadores do Real Madrid, especialmente a de Ronaldo, seguida polas do Barcelona. A camisetas de clubes galegos non aparecen nos primeiros postos porque, segundo Cividanes, o “99% dos pedidos chegan dende fóra de Galicia”.
 |
| Productos vendidos via web |
|