|
A web do Centro pon en funcionamento unha ferramenta de servicio ás PEMES.
¿Quere montar un negocio electrónico e non sabe por onde empezar? O Centro de Competencias ofrécelle a axuda da súa área de Soporte, un servicio de apoio que a través da web www.e-negociogalicia.com pon en contacto as necesidades da empresa tradicional con empresas provedoras de servicios TIC. A ferramenta conta cun formulario para empresas tradicionais e outro para provedores.
A área de Soporte do Centro de Competencias en Comercio Electrónico dirixe un novo servicio ás PEMES galegas que estean interesadas en poñer en marcha unha canle de venda na Rede. Trátase dunha ferramenta de apoio para empresas tradicionais que precisan dunha consultaría inicial no eido do comercio electrónico. Moitas das nosas PEMES queren iniciarse na venda por Internet, máis non saben por onde comenzar ou non teñen recursos para botar man deste servicio. A área de Soporte nace para suplir esa necesidade, asesorando e poñendo en contacto necesidades con solucións, é dicir, empresas con iniciativas de comercio electrónico con empresas provedoras de servicios TIC.
FORMULARIOS PARA EMPRESAS E PROVEDORES
Ó área de Soporte accédese dende a web do Centro de Competencias:
www.e-negociogalicia.com
Calquera empresa cunha iniciativa de comercio electrónico pode empregar este servicio a través dun formulario que consta de tres partes. Na primeira parte, a empresa deixa os seus datos. A continuación, pregúntaselle se dispón de web, o seu sector de actividade e as melloras que ten pensado facer na súa empresa, cuestións necesarias para poder realizar un “diagnóstico tecnolóxico” que calibre o estado actual da empresa. Por último, a empresa sinala os servicios que desexa implantar. Se a empresa ten dificultades para cubrir esta información, a área de Soporte poñerase en contacto con ela para determinar que é o que precisa. Trátase dunha especie de radiografía do estado particular da empresa con respecto ó seu desenvolvemento en TIC, unha referencia para poder asesorarlle mellor nun primeiro momento. Tras a análise do cuestionario, a área de Soporte sacará tres conclusións que determinarán os pasos a seguir: - De que empresa se trata
- En que estado se atopa
- Análise da web (no caso de que a teña) e definición dos elementos a ampliar
- Que pretende en canto a comercio-e e recursos que precisa
BASE DE DATOS DE PROVEDORES
Pola súa banda, as empresas TIC poden empregar a ferramenta de Soporte a través dun formulario específico, que lle sirve para rexistrarse e aparecer na lista de provedores. Deste xeito, cando unha PEME tradicional reclama un servicio, o Centro de Competencias vaille facilitar coñecer ás empresas que poden atendelo: trátase de lle dar a coñecer a oferta de servicios TIC en Galicia. Por iso, o formulario é básico para saber os servicios ofrece unha empresa TIC; podemos dicir que o provedor se “autocataloga”, definindo o seu perfil TIC.
¿QUE OFRECE A ÁREA DE SOPORTE?
A área de soporte ten como obxectivo axudar ás empresas que precisen unha orientación inicial e consellos para desenvolver negocios en Internet. Para facilitar este intercambio de información, existen varios xeitos de poñerse en contacto co Centro de Competencias:
:: A través da web: www.e-negociogalicia.com :: Por correo electrónico: soporte@e-negociogalicia.com :: Por teléfono: 981-569810 (preguntar polo Centro de Competencias) :: Por fax: 981-594616
A través destes medios de contacto, as empresas poden expoñer as súas dúbidas e consultas. O mellor xeito de inicia-lo proceso de soporte é que a empresa solicitante cubra un breve formulario na web (facendo clic no botón "Acceso PEMES"). Deste xeito, o persoal do Centro de Competencias poderá asesorar mellor á empresa e coñecer, en liñas xerais, a súa situación e necesidades. Despois, o persoal da área de soporte poñerase en contacto coa empresa solicitante para atender a súa consulta. A información que se ofrece ás empresas abarca un abanico moi amplo de disciplinas, que van dende aspectos tecnolóxicos, marketing por internet e comunicación gráfica na web ata o financiamento (entidades que convocan axudas e subvencións, investidores, etc.).
|