|
A capacidade loxística e organizativa de Lonxanet, o feito de que as confrarías sexan provedoras e accionistas á vez, baseando a súa forza comercial na demanda e o valor engadido duns productos que van case directamente do mar ó cliente, son os factores de éxito desta empresa galega. Ladder Solutions no apartado técnico, e SEUR no loxístico, son os dous socios que completan o impecable funcionamento de Lonxanet.
A innovación que Lonxanet supuxo para o sector da pesca artesanal e as súas confrarías, que seguían a funcionar como dende o seu nacemento no século XII, foi en si mesma unha estratexia de marketing moi importante. Lonxanet atreveuse a introducir un modelo novo no que as confrarías son accionistas, suministradoras de producto e provedoras loxísticas á vez.
WWW.LONXANET.COM
Desenvolvida por Ladder Solutions, www.lonxanet.com púxose en funcionamento en novembro de 2001, ó tempo que se presentaba ós medios de comunicación. No primeiro ano, o 10% dos clientes de Lonxanet usou a Rede para facer os seus pedidos, e o obxectivo é acadar o 30% no 2004. Actualmente a web ten dúas mil visitas [?] diarias.
A experiencia na Rede, segundo explica Michael de José, un dos responsables da empresa,aprendeulles a adaptarse á realidade e a cambiar as funcións que estaban previstas inicialmente. A web cambiará sustancialmente neste mes de setembro, posto que nunha primeira fase dirixiuse ó segmento “gourmet” da restauración como a clientela máis forte e con capacidade para valorar os productos da pesca artesanal galega. Na nova web haberá un apartado para os clientes da Restauración e outra para particulares, xa que cada un ten necesidades específicas en canto a precios e marketing.
Para Michael de José, o comprador online ten unhas vantaxes claras: “pode realizar o seu pedido as 24 horas do día, ten menos erros ó introducir el mesmo o pedido, e dispón de información detallada sobre productos que non é fácil de transmitir por teléfono”. E no futuro a web seguirase adaptando ás necesidades específicas.
A CORUÑA E MADRID
En A Coruña está a razón social de Lonxanet, cun equipo que coida a loxística, as operacións, a dirección técnica e as relacións coas confrarías, mentres que en Madrid está a dirección comercial, o centro de chamadas (a onde se dirixen os pedidos vía web, teléfono ou fax), a atención ó cliente, a coordinación de operacións, o marketing e a administración.
Madrid é unha elección estratéxica como ubicación de vendas e marketing, e ten como responsables a Michael de José, economista, Rafael Sánchez, director comercial, e Enrique Campoamor, director de operacións. O equipo está conformado en total por oito persoas.
PROXECTOS DE FUTURO
É xa unha realidade a Fundación Lonxanet para a Pesca Sostible (FLNPS), que quere recuperar o aspecto social que as confrarías foron esquencendo, con proxectos que as beneficiarán directamente. Proximamente, crearase en Lira un taller de pesca tipo granxa-escola, co obxectivo de conectar coas xeracións máis novas e poñer en valor o estilo de vida mariñeiro. Ademais, haberá un proxecto dirixido ó turismo, onde as confrarías ofrecerán aloxamento e actividades relacionadas co mundo da pesca.
 |
| Esquema do funcionamento básico de Lonxanet |
Proceso loxístico
1.- Os clientes solicitan vía telefónica ou correo electrónico o pedido á central comercial, que os remite ás lonxas.
2.- Cando nunha lonxa se chega ó prezo marcado por Lonxanet, pásase á poxa, e se non hai puxas superiores, separan o producto e prepárano para o seu envío. O puxador da confraría pertencente a Lonxanet merca os productos encargados clasificados (é dicir, segundo a demanda, mércase un producto cunhas características de peso e tamaño determinadas, e non por lotes, como é o habitual).
3.- O mercado da os criterios de clasificación e o precio do producto. Ó clasificar, ponse ó descoberto cales son os productos máis demandados, e polo tanto, os máis caros. O proceso tradicional non permite obter esta información, posto que o comprador desaparece co lote e non se sabe a que prezo o vende.
4.- Embálanse os productos, xunto a unha certificación conforme ó lugar e a hora en que saíron da confraría.
5.- SEUR pasa por tódalas confrarías recollendo os pedidos e entrégallos ós clientes nun prazo máximo de 24 horas.
|