|
O proxecto Gadisline.com, o supermercado virtual galego en Internet, arrincou en outubro como unha aposta da dirección de Gadis para aumentar o seu servicio ós clientes. Cun investimento inicial de 600.001 euros e a colaboración de R, esta iniciativa entra agora na súa terceira fase: a extensión. Atrás quedan análises, estudios e probas experimentais cun grupo pechado de clientes.
O nacemento do supermercado online de Gadis, www.gadisline.com, foi resultado da aposta da dirección do grupo por aumentar o seu servicio ó cliente, e naceu como froito dun longo proceso de análise, probas e experimentación. O resultado: unha nova canle de venda para a empresa.
Segundo o responsable de Gadisline, Agustín Banda, o principal reto estivo en “aproveitar a estructura física de venda para optimizar custes, implicando a todo o equipo humano da empresa: dirección e departamentos”. Despois de análises e tests, incluída unha proba pechada cun número reducido de clientes (“soft launch”), Gadisline.com atópase agora en fase de extensión. Este supermercado online realiza o servicio de reparto nas sete principais cidades galegas, pero pretende ampliar a distribución a outras zonas e “introducir melloras de cara ó cliente e ós procesos internos” da empresa, segundo anuncia Banda.
UN SISTEMA ABERTO
Outro dos grandes obxectivos de Gadisline.com, foi crear “un sistema o máis aberto posible, para evitar problemas de actualización e que os cambios máis rutineiros os poidesen facer personal propio de Gadis”. Deste xeito, evitouse recurrir a personal externo, excepto para cuestións moi técnicas e definidas. Iso si, para a posta en marcha do supermercado virtual, a empresa galega R colaborou con Gadis, asumindo a parte técnica do proxecto.
LOXÍSTICA
“A derradeira milla” Como é obvio, “vender discos non é o mesmo que vender alimentos”, segundo di Agustín Banda. Por iso, Gadisline.com puxo especial énfase en asegurarse de que a loxística (distribución) dos seus productos funcionase correctamente. ¿Como conseguilo? Empregando recursos de Gadis: a súa propia rede de distribución. “A derradeira milla é o máis importante, é dicir, a confección do pedido no supermercado e a entrega no domicilio”, sinala o responsable de Gadisline.com.
Aínda que Gadisline non ofrece resultados da súa recente posta en marcha, si agarda acadar pronto a cantidade de clientes suficiente para asegurar a rendibilidade. “Agora queremos ofrecer un novo servicio e aproveitar os nosos recursos, aínda que ó principio teñamos que asumir os custes iniciais, como en calquera empresa que bota a andar. Agardamos acadar a masa crítica de clientes nun curto ou medio prazo”, sentenciou Agustín Banda.
 |
| Proceso de compra en Gadisline |
|