Inicio Centro | Cooperación | Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
     
Inicio | RevistaEnegocio00 | Futuro    


O futuro do negocio na Rede


Dúas preguntas no aire

1. ¿Considera que a consolidación de Internet comounha canle de venda será imprescindible para a maioría das empresas a medio ou longo prazo?

2. ¿Cales son os sectores da economía galega que, ó seu xuízo, poden aproveitar mellor as vantaxes do comercio electrónico?

Caixa Galicia

1. Internet xa é un elemento esencial para a competitividade das empresas, pois facilita a xestión en cada fase da súa cadea de valor: compras, producción, recursos humanos, marketing e venda. Internet é unha ferramenta de enorme potencial na relación cos clientes, na comunicación xeral co mercado e no peche das transaccións.

2. Aqueles sectores nos que as empresas teñan unha base forte de clientes ou provedores habituais e que poden axilizar de xeito extraordinario o proceso comercial a través do e-business; aqueles nos que as novas tecnoloxías supoñan unha maior aportación ó longo da súa cadea de valor, en especial viaxes, inmobiliarias, financeiras, formación, comunicación, etc. Destacaría tamén os sectores con plans de crecemento que poden utilizar o comercio-e como test de mercado antes de acometer grandes investimentos.

Marcelino Fernández Mallo, Subdirector de Banca Virtual de Canles Alternativas de Caixa Galicia

Programas Industriais e InfraestructurasTecnolóxicas

1. Para as empresas que queiran competir con productos ou servicios cunha clientela con acceso á rede e potencialmente extendida por outras localidades ou países resultaralles dificilmente substituible a súa presencia en Internet por outros métodos de venda. De todos xeitos, Internet terá máis importancia como ferramenta diaria de relación entre as empresas, e non só no momento da venda.

2. A incorporación no ciclo de negocio propio dunha empresa das capacidades dos provedores e dos clientes, a xestión do proceso loxístico, a resposta áxil ó mercado e a eficacia na xestión empresarial son os principais resultados da axeitada implantación do comercio electrónico na empresa. Con isto, os sectores que venzan as súas rixidecestradicionais serán os principais beneficiarios.

José Manuel González, Director Xeral de Programas Industriais e InfraestructurasTecnolóxicas

Empresas R

1. Si. O aforro de tempo, as maiores posibilidades de localizar e comparar productos ou a mellora da eficiencia nas relacións entre empresas son, entre outros, algúns factores que fan da Rede unha canle natural para o consumidor, polo que as empresas deberán estar aí.

2. As vantaxes de Internet e o comercio electrónico son significativas para as empresas galegas, calquera que sexa o seu sector ou tamaño. Galicia pode poñerse ó primeiro nivel en canto á tecnoloxía Internet, como o fixeron outras rexións periféricas (países escandinavos). O camiño máis curto dende a periferia a calquera outro punto do planeta é o camiño electrónico.

Antonio Fernández, Director División Empresas R

Ciencias da Computación

1. Será imprescindible no sector B2B, non necesariamente no B2C. A sociedade galega está moi apegada ó comercio tradicional e isto non cambia só con alternativas. Para conseguilo é necesario incidir na formación e a confianza dos potenciais clientes.

2. Se nos referimos ó B2C, penso que aqueles que teñen unha maior demanda no exterior do noso país. Temos unha enorme  variedade de productos moi valorados, pero aínda pouco coñecidos fóra das nosas fronteiras, como a alimentación (viños, meles, queixos, conservas...), a ornamentación (xoias de acibeche, cerámicas...) ou o lecer (casas rurais). O uso da Rede acompañado dunha loxística axeitada pode dar un pulo a ditos sectores.

Senén Barro, Ciencias da Computacióne Intelixencia Artificial (USC)

Dinaweb

1. Si. As canles de distribución están cambiando rapidamente, da tenda tradicional ás grandes superficies, e de aí a Internet. Os sistemas de información interna e externa e os procesos de negocio estanse integrando a gran velocidade.

2. O sector servicios, cun alto grao de dixitalización. O paso de traballar cun ordenador a traballar en rede non require moito esforzo de aprendizaxe.

Ramón Nogueira, Xerente de Dinaweb

Asociacións de Empresarios Deza

1. Os avances nas tecnoloxías da comunicación e a rapidez coa que esta circula fan que camiñemos cara a esta tendencia. Isto irá en detrimento da importancia da faceta humana e social da  venda. Ás veces este tipo de canles adáptanse  mellor cando se vende un producto que cando  se trata dun servicio. O certo é que as vantaxes son importantes á hora do aforro de custos e rapidez de resposta.

2. O comercio polo miúdo (roupa, vestido, calzado, fogar...), a industria textil, o sector do automóbil, o sidero-metalúrxico, a madeira, etc

José R. González López, Presidente da Asociación Empresarios Deza

Legazpi

1. Semella mellor que as empresas galegas tiren proveito de Internet non só para vender, senón tamén para mercar. É máis doado gañar cartos aforrando nas compras que establecer unha nova canle de venda en Internet.

2. Actualmente, as vantaxes son para empresas que venden productos ou servicios a outras empresas. Por outra banda, se o noso concepto de "comercio electrónico" é de novas canles de compravenda, as vantaxes son para a totalidade de empresas, á marxe do seu sector.

Antonio Llanos, Legazpi

TLR Soft

1. Internet será unha canle complementaria para a venda a curto prazo, a longo prazo o mercado dirá. O que si cremos que será a curto prazo é unha ferramenta de optimización na xestión das empresas.

2. Non cabe dúbida de que os sectores que antes aproveitaron as vantaxes do comercio electrónico serán os máis modernizados no tocante ós sistemas informáticos, pero tamén pode pasar que sectores pouco modernizados atopen en Internet unha ferramenta de optimización de custes.

J.A. Martínez Novas, Xerente de TRL Soft.


 
Revista


[Anterior - Vantaxes do Comercio Electrónico ]

 

     

Cooperación | info@e-negociogalicia.com | A Súa Opinión