|
O crecemento do sector empresarial na nosa comunidade e as novas iniciativas de negocio electrónico para competir no mercado internacional pasa pola actualización dos coñecementos dos empresarios. O Centro de Competencias adquire o compromiso de axudar á formación das PEMES ofrecendo cursos e conferencias sobre Internet, comercio electrónico e novas tecnoloxías.
O contexto socioeconómico no que nos atopamos esixe unha actualización dos saberes e as estructuras organizativas das empresas no que respecta ó sistema clásico de negocio e ás novas tecnoloxías. As perspectivas de futuro e a vantaxe competitiva que aporta o comercio electrónico ás PEMES fan que, tanto os directivos como o resto de traballadores, demanden cada vez máis información e coñecementos precisos para encarar os novos tempos e tirar beneficio das oportunidades ofrecidas polas novas tecnoloxías.
O Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia, en colaboración coa Universidade da Coruña, ofrece ás PEMES a posibilidade de adquirir formación especializada cun programa de conferencias e cursos arredor das novas tecnoloxías e o comercio electrónico. Este programa está dirixido principalmente a empresarios e directivos.
Dunha banda, as conferencias presentarán os aspectos máis representativos do comercio electrónico e as estratexias de xestión para facer desta canle de negocio alternativa unha realidade viable para as empresas da nosa comunidade. Por outra banda, os cursos dividiranse en dous tipos: un básico e outro avanzado. Neles desenvolveranse e explicaranse polo miúdo os contidos presenta-dos nas conferencias e os instrumentos precisos para levar a cabo procesos de comercio electrónico.
O temario destes cursos,ademais de contidos básicos sobre o comercio electrónico B2B e B2C, inclúe aspectos como as técnicas de marketing en Internet, as ferramentas de seguridade e de pago, os custes, a loxística de distribución e os aspectos xurídicos, entre outros. Aparte das cuestións teóricas, que irán acompañadas do correspondente material didáctico, impartiranse exercicios prácticos coa axuda de cuestionarios, unha guía práctica de como montar un negocio en Internet, experiencias de empresas, debates e respostas ás dúbidas dos alumnos, etc.
A Universidade da Coruña é a responsable da impartición e desenvolvemento dos cursos e conferencias, en colaboración co Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia. Os cursos de comercio electrónico terán dous niveis: básico e avanzado.
Para facilitar a compresión do alumno, os cursos están pensados dende un enfoque divulgativo, fuxindo de aproximacións técnicas para persoal especializado. Estes cursos serán de carácter gratuíto e contarán cunha asistencia de entre doce e vintecatro alumnos por clase. As sete principais cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago de Compostela) acollerán a celebración dos cursos e conferencias.
Aqueles empresarios interesados en participar nestes cursos poderán obter no seu momentomáis información na páxina dirección: www.e-negociogalicia.com
|