 |
Miguel A. Rios, Secretario Xeral I+D
|
O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e InnovaciónTecnolóxica atende ás necesidades de Galicia
Os vectores que definen as liñas fundamentais do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005 (PGIDIT) responden en boa medida ás carencias detectadas no sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia, entre as que destaca o baixo nivel de investimento das pequenas e medianas empresas (PEMES) en investigación, desenvolvemento e innovación.
O PGIDIT atende con preferencia ós problemas específicos de Galicia sen perder de vista as esixencias impostas polo proceso de globalización que estamos a vivir e a posta pola plena incorporación de Galicia á economía do coñecemento. As PEMES conforman a meirande parte do noso tecido empresarial e supoñen o maior axente xerador de emprego e riqueza en Galicia, e por isto son obxectivo estratéxico das nosas políticas de converxencia co resto da Unión Europea no tocante á renda per capita e indicadores de benestar social. Neste marco, a Secretaría Xeral de I+D impulsou a creación en Galicia do Centro de Competencias en Comercio Electrónico co obxectivo de axudar ás pequenas e medianas empresas a tirar proveito das oportunidades que lles brindan as novas tecnoloxías para optimizar os seus procesos de negocio e maximizar os seus beneficios. O Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia nace co apoio decidido do Goberno Galego e da Unión Europea, que aporta financiación para a súa posta en marcha a través do Proxecto e-MINDER. Ó Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) encomendóuselle a xestión deste Centro pola súa experiencia demostrada en proxectos de transferencia e implantación de novas tecnoloxías en institucións e empresas.
 |
Javier García Tobío, Director do CESGA
|
Galicia necesita xuntar esforzos para acelerar a implantación das novas tecnoloxías nos procesos de negocio das súas PEMES
Polas súas especiais características, situación económica, xeográfica e cultural, Galicia precisa do aproveitamento das novas tecnoloxías, das que deberá tirar o máximo partido e atopar un aliado axeitado para acadar unha evolución económica máis rápida.
A Secretaría Xeral de I+D, xunto co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) deseñaron e promoveron a Rede de Centros de Competencias de Comercio Electrónico, que foi presentada e aprobada pola Unión Europea mediante o proxecto e-MINDER. Así naceu o Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia, unha entidade con carácter de servicio tanto para o tecido empresarial galego como para a nosa sociedade en xeral. Galicia necesita xuntar esforzos para acelerar a implantación das novas tecnoloxías nos procesos de negocio das súas PEMES, sendo este o obxectivo que o Centro de Competencias en Comercio Electrónico ten como meta.
|