Inicio | O Centro | O Proxecto | Observatorio | Soporte | Formación | Comunicación | Novas | Revista | Mapa | Buscar
 
InicioObservatorio | MercadoGalego    


O do consumidor galego en Internet, un mercado emerxente

Segundo o Informe e-Barómetro 2002 de Usuarios, publicado polo Observatorio do Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia a partires do estudio elaborado polo equipo de Investigacións Políticas e Sociolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, o grado de penetración da Rede nos fogares galegos é do 17,6%, lonxe da media nos fogares da Unión Europea, que é do 40%, aínda que non se alonxa moito da media nacional. Esta media nacional, segundo o Estudio Xeral de Medios, ronda o 22%.

O obxectivo do Observatorio do Centro de Competencias é analizar as condicións nas que se atopa a pequena e mediana empresa galega, pero tamén a situación xeral do mercado para afrontar iniciativas de negocio electrónico. Para cumprir con este obxectivo o Observatorio elabora estudios propios e tamén está atento ós estudios publicados por outros organismos. Estes estudios, tomados sempre coas debidas precaucións, poden marcar tendencias e liñas de reflexión.

Un destes estudios ós que está atento o Observatorio do Centro é o elaborado pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT). Este organismo está obrigado pola Lei de Liberalización das Telecomunicacións a realizar “un informe anual sobre o desenvolvemento do mercado das telecomunicacións, audiovisual e servicios telemáticos e interactivos”.

O interesante do último estudio da CMT, elaborado entre os meses de maio e setembro do 2002, é que amosa a media de gasto en compras a través da Rede naqueles tres meses, non por internauta senón por consumidor electrónico, desglosando estes datos por comunidades autónomas. Galicia, na clasificación elaborada pola CMT, aparece no segundo posto nacional en media de gasto por consumidor electrónico. Mentres que o gasto medio do consumidor electrónico español foi de 187,8 euros, o gasto do consumidor galego foi de 271,1 euros.

Parece deste xeito que no mercado do Comercio Electrónico galego hai dúas realidades en certo sentido contrapostas: por unha banda o grado de penetración da Rede nos fogares galegos, segundo os datos do Informe e-Barómetro 2002 de Usuarios, é un pouco inferior á media nacional e bastante inferior á media da Unión Europea; mentras que por outra banda, segundo os datos do informe da CMT, o gasto medio dos consumidores electrónicos galegos é moi superior ó gasto medio do consumidor electrónico español.Estas dúas realidades parecen indicar que, pese a que o número de persoas que en Galicia se conectan á Rede está aínda lonxe do desexable, as persoas que efectivamente se conectan, e dentro delas as que mercan por Internet, constitúen un mercado emerxente, atractivo para as empresas galegas que traballan na Rede. Este mercado emerxente ten que consolidarse nos vindeiros anos, e nesa liña hai que traballar.

Pero neste punto a pregunta é: ¿onde gastan o seu diñeiro os consumidores electrónicos galegos?. A esta pregunta téntase dar resposta nun apartado do Informe e-Barómetro 2002 de Usuarios, aínda que só establecendo a diferenciación entre páxinas de Comercio Electrónicas españolas e páxinas foráneas. Aínda que nesta cuestión tan concreta é difícil establecer con precisión as porcentaxes, si se conclúe que arredor de dous de cada tres dos internautas galegos que mercan a través da Rede fano en páxinas nacionais. Os motivos principais que aducen para escoller as tendas nacionais son, en orde de importancia, “porque comprenden mellor as miñas demandas”, “porque son máis baratas” e “porque teñen mellor servicio”.

Agora ben, pese a que os consumidores electrónicos galegos merquen na súa maior parte en páxinas españolas, non parece que o fagan en páxinas galegas. Analicemos, por exemplo, o caso da compra de libros. Segundo o Informe e-Barómetro, os libros son o segundo producto máis vendido pola Rede. Este dato coincide cos do Estudio sobre Comercio Electrónico en España AECE 2002, elaborado pola Asociación Española de Comercio Electrónico (AECE).

No 2002, segundo o estudio da AECE, a facturación en España pola venda de libros a través da Rede foi de 3.990.720 euros. En Galicia a facturación foi de 30.050 euros. Isto significa que só un de cada centro trinta e dous euros que se facturaron no Estado pola venda de libros a través da Rede foron facturados na nosa comunidade. Pero sen embargo, tendo en conta que os galegos que compran pola Rede teñen unha media de gasto importante, como así o amosan os datos da enquisa da CMT, parece bastante claro que o gasto dos internautas galegos en compra de libros a través da Rede é bastante superior, ou a lo menos superior, á facturación das librerías virtuais galegas. O cal significa que estas compras fanse en librerías virtuais que non son galegas.

Este exemplo indica un fenómeno que podemos intuir xeral, aínda que é difícil establecelo como feito provado xa que se carecen de datos específicios. O fenómeno en cuestión é o seguinte: os galegos que fan algún tipo de gasto na Rede, xa sexa nun producto ou na recepción dun servicio, adoitan facer ese gasto en negocios que non son galegos. É dicir, hai un diñeiro de consumidores galegos que está a ir a negocios que non son galegos. Nalgúns casos isto pode estar xustificado polas características propias do producto, por exemplo, seguindo coa análise da venda de libros, cando se trata dun volume en inglés. Pero cando se trata dun libro que se podería mercar nunha librería virtual galega, isto xa debe ser visto doutro xeito.

A idea é que en Galicia hai un mercado de consumidores por Internet. Certamente, non é un mercado moi extenso en cantidade, como amosan as cifras de penetración da Rede, pero si é un mercado emerxente que pode e debe consolidarse, como amosan as cifras de gasto medio por consumidor da CMT. Isto é, os galegos que compran por Internet teñen confianza no medio e fan repetidas compras; só deste xeito se explican os 271,1 euros por comprador en tres meses.

Agora ben, este mercado non parece que sexa ben aproveitado polas empresas galegas que traballan na Rede. O que parece é que os galegos que gastan o seu diñeiro en Internet, gástano en negocios que non son da nosa comunidade. Nalgúns casos isto está xustificado polo propio producto. Noutros, e os datos do Informe e-Barómetro 2002 de Usuarios, apuntan a que son a maioría dos casos, non se xustifica polo producto senón por outras características que seguramente teñan que ver co descoñecemento por parte dos consumidores das empresas galegas ou por que estas non son capaces de ofertar as mesmas condicións que as empresas españolas ou foráneas.

É certo que unha parte importante da facturación de moitos negocios electrónicos galegos provén de fóra de Galicia, e nalgúns caso incluso de fóra de España. É certo que Internet é unha canle que abre novos espacios, unha canle que permite ás empresas desvincularse en certo sentido do seu espacio para entrar en novos mercados. Toda a internacionalización do negocio que permite a Rede é boa para as empresas galegas. Pero isto non debe facer que as empresas galegas que venden pola Rede olviden que en Galicia hai un mercado emerxente que debe consolidarse nun futuro próximo. Un mercado quizáis pequeno pero que xa hoxe pode ser rendible polo alto gasto que os consumidores electrónicos galegos fan na Rede. Un mercado que se non se sabe coidar dará ingresos a empresas de fóra da Comunidade, ingresos que poderían ser para empresas galegas.
 
Observatorio


[+ Informes]



     

Solicitar boletín de comercio-e | info@e-negociogalicia.com | Solicitar Revista | A Súa Opinión