|
10.- Aspectos xurídicos
10.1.- O correo publicitario non solicitado
Non hai dúbida de que o SPAM (ou correo electrónico
de publicidade non solicitada) é un os maiores problemas
da Rede ultimamente. Segundo publicou a revista "Código
Cero", calcúlase que estas mensaxes son xa o 36% do
total de e-mails en Internet, cun incremento anual do 8%.
Para atallar este problema dende un punto de vista legal, a nova
Lei 34/2002 de 11 de xullo de Servicios da Sociedade da Información
e do Comercio Electrónico (LSSI) prohíbe expresamente
esta práctica no artigo 21. Dita norma, que entra en vigor
o 12 de outubro, dispón que non se poderán enviar
comunicacións comerciais por correo electrónico ou
medio equivalente a destinatarios que non o solicitaran ou autorizaran
expresa e previamente.
O incumprimento desta prohibición contémplase como
unha infracción leve ou grave, se hai habitualidade (máis
de tres envíos nun ano), con sancións de ata 30.000
ou 150.000 euros, respectivamente.
Por outra banda, a Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro,
de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD)
impón a obriga de solicitar o consentimento do destinatario
para incluír o seu enderezo de e-mail no ficheiro de publicidade
da empresa. Esta norma, pola súa banda, cataloga como infracción
grave o seu incumprimento con sanción de ata 300.000 euros.
¿E como debe cumplir esta lexislación o empresario
español para evitar ser sancionado? O noso consello é
que se dirixa, un por un, a todos os destinatarios de correos electrónicos
publicitarios que figuren na súa base de datos e solicite
o seu consentimento expreso para poder seguir enviándolles
comunicacións comerciais por este medio e que non inclúa
ningún outro novo destinatario sen ter cumprido este requisito
Isto só é aplicable se ditos destinatarios non o solicitaron
ou autorizaron expresamente no pasado.
É importante destacar que só se cumpre a normativa
se obtemos unha "resposta expresa" dos destinatarios autorizando
o envío, isto é, por exemplo, que nos envíen
un e-mail de volta manifestando a súa conformidade. Tanto
os destinatarios que se neguen como os que non contesten deben ser
eliminados sen dilación da base de datos de publicidade e
non se lles poderá dirixir ningún correo electrónico
deste tipo no futuro. Isto, sen dúbida, diminuirá
significativamente o número de destinatarios da nosa publicidade
pero, pola contra, aumentará a súa calidade e evitaranos
posibles sancións no futuro
A mesma Lei Orgánica 15/1999 establece a obriga de rexistro
das bases de datos de carácter persoal que recaben as empresas
na súa actividade comercial. Dende a web da Axencia de Protección
de Datos podemos encontrar os formularios para inscribir os nosos
ficheiros (www.agenciaprotecciondatos.org).
Esta lei impón obrigacións legais para as persoas
físicas ou xurídicas que posúan ficheiros con
datos de carácter persoal, penalizando con multas de entre
600 e 600.000 euros en función do carácter e clasificación
que a propia lei fai da información.
10.2- A lei en Internet
Ben é sabido que nos tocou vivir unha auténtica revolución,
coa chegada das tecnoloxías da comunicación e Internet.
As empresas non están á marxe desta revolución.
Cada vez son máis as que se introducen no novo contorno de
Internet, ofrecendo información sobre os seus productos e
servicios ou mesmo comerciando directamente a través da Rede.
É o que coñecemos por comercio electrónico.
O Dereito, como instrumento artellador das relacións sociais
e económicas, debe dar resposta a esta nova realidade, aplicándolle
o marco legal tradicional, a través da súa interpretación.
Debido a isto, asistimos a un importante desenvolvemento dunha nova
rama ou especialidade xurídica: o Dereito Informático.
Parte desta tarefa xa se fixo: a Ley Orgánica 15/1999 de
Protección de Datos de carácter Persoal (LOPD) ou
o Real Decreto- Lei 14/1999 sobre Sinatura Electrónica son
exemplos disto.
Pero o máximo expoñente disto ata a data é
a Lei 34/2002 de Servicios da Sociedade da Información e
do Comercio Electrónico (LSSI), que foi amplamente debatida
e coñecida en Internet. Sen embargo, hai que destacar que,
moi ó contrario do que se adoita a pensar, Internet non escapa
á aplicación da Lei. Posto que, aínda que non
se aproben novas normas, o Dereito tradicional tamén se aplica
á Rede. Ó fin e ó cabo, detrás deste
'mundo virtual' áchanse persoas reais, co seu nome, os seus
apelidos e o seu enderezo físico. Tódolos días
vemos exemplos nos medios de comunicación que o amosan: demandas
contra contidos de páxinas web, recuperación de nomes
de dominio que vulneraban marcas, compras e vendas válidas
realizadas on line, defensa da libre competencia (caso Microsoft)
e a protección dos dereitos sobre as creacións orixinais
(caso Napster), entre outros.
En conclusión, cabe dicir que, aínda que queda moito
por facer, o Dereito Informático xa está o suficientemente
desenvolvido como para solucionar a maioría dos conflictos
e regular a maioría das relacións sociais e económicas
que se producen en Internet e, en xeral, na nova Sociedade da Información
10.3.- A firma electrónica
Estamos moi afeitos á tinta e ó papel. Semella que
só existe un contrato se queda recollido nunha serie de follas
asinadas, a ser posible, mataseladas e incluso en papel timbrado.
Nada máis lonxe da realidade xurídica. Tódolos
días celebramos ducias de contratos sen decatarnos: ó
mercar o xornal, tomar un café, coller o bus ou ir ó
cine. Son contratos "non escritos", pero válidos
legalmente. De feito, se o xornal está mal impreso ou o café
está frío, podemos reclamar a súa restitución
ou a devolución dos cartos, incluso por vía xudicial.
A pesar disto, en moitas situacións é convinte, e
incluso necesario, que haxa un documento escrito, xa sexa polo valor
ou importancia do asunto ou por esixencia legal. Agora ben, incluso
neste caso, "escrito" non é sinónimo de
"en papel". Proba disto é o Real Decreto-Lei 14/1999,
de 17 de setembro, que regula a Sinatura Electrónica. Con
esta normativa, España convertiuse nun dos primeiros países
en recoñecer legalmente a validez dun documento asinado dixitalmente.
O mesmo documento é máis seguro e fiable posto que
a sinatura electrónica non só indica "quen asina",
senón tamén "o que asina", xa que se vincula
ó propio texto do documento (e isto en papel é imposible).
Daquela, a sinatura electrónica existe xuridicamente dende
1999 no noso país e é útil. Mais, ¿utilízase
na práctica? Non todo o que sería desexable. Sen embargo,
hai un exitoso exemplo da implantación e utilidade da sinatura
electrónica: a declaración de impostos on line. Lamentablemente
non cundiu no ámbito privado e, por iso, o Goberno prepara
unha importante reforma, co Anteproxecto dunha nova Lei de Firma
Electrónica de 26 de xullo de 2002, que contempla a creación
do Documento de Identidade dixital, o que suporá a xeralización
da tendencia e uso da sinatura electrónica no noso país.
Se ten éxito, axudará a dotar dunha maior seguridade
xurídica ó comercio-e e a que cambiemos o chip"
e confiemos ó menos tanto na realidade dixital como na física
(se non máis).
10.4.- As facturas dixitais
A factura on line conta xa co recoñecemento legal da Axencia
Tributaria (www.aeat.es), co que
a partir dagora o recibo en papel non será obrigatorio. A
Asociación Española de Codificación Comercial
(AECOC) estima que as máis de 2.700 empresas usuarias do
sistema de Intercambio Electrónico de Documentos (EDI) en
España aforrarán uns 18 millóns de euros anuais
co emprego da factura electrónica. A regulación das
e-facturas baséase nunha directiva europea, o que da pé
a un sistema estándar para as empresas da UE
10.5.- Os contratos electrónicos
Podemos dicir sen lugar a dúbidas que un dos aspectos máis
positivos da Lei é o que se refire ó disposto en materia
de contratos electrónicos.
A LSSI recoñece a plena validez xurídica dos contratos
celebrados por vía electrónica, pero ademais, no apartado
3 do seu artigo 23, equipárao ó "contrato escrito",
polo que sempre que a lei esixa que un contrato conste por escrito
(por exemplo, determinados contratos de traballo) será suficiente
con que se celebre por medios telemáticos.
Este recoñecemento ten unha grande trascendencia xa que,
dende a aprobación desta Lei, podemos realizar todo tipo
de operacións a través de Internet e con pleno recoñecemento
xurídico: dende mercar un coche ou alquilar un apartamento
ata pedir un préstamo ou contratar a un empregado. De feito,
a LSSI só sinala dúas excepcións onde os contratos
electrónicos non son admisibles:
1) Os contratos referidos ó Dereito de Familia e poderemos
facer testamento nin capitulacións matrimoniais a través
de Internet.
2) Todas aquelas operacións que esixan a intervención
dun notario ou corredor de comercio e o outorgamento dunha escritura
ou documento público (de momento non existe a escritura pública
electrónica).
En canto a este último caso, velaquí un exemplo claro:
podemos mercar unha casa a través de Internet con plena validez
xurídica, pero se queremos inscribir dita adquisición
no Rexistro da Propiedade deberemos acudir ó notario para
dar fe pública do contrato electrónico celebrado
10.6.- A devolución dos pagos con
tarxeta: un risco real para o empresario
Xeralmente, adóitase dicir que un dos principais factores
que frean o desenvolvemento do comercio electrónico é
o medo dos consumidores a facilitar os datos da súa tarxeta
de crédito ou de débito a través de Internet.
Por iso, existe a crenza de que o consumidor está máis
desprotexido na Rede que o propio ciber-empresario. Sen embargo,
a realidade é a contraria. E isto explicarémolo sen
facer referencia ó exemplo de que é máis inseguro
dar a tarxeta a un camareiro nun restaurante (o que xenerou xustificadas
protestas do gremio).
O artigo 46 da Lei 7/1996, de 15 de xaneiro, de Ordenación
do Comercio Minorista, dispón que "cando o importe dunha
compra se cargue fraudulenta ou indebidamente utilizando o número
dunha tarxeta de pago, o seu titular poderá esixir a inmediata
anulación do cargo". Isto significa que o consumidor
sempre pode solicitar que lle devolvan os pagos non recoñecidos
cargados á súa tarxeta e cunha simple comunicación
ó banco. A protección aquí é total.
Polo contrario, no que se refire ó empresario, cando realiza
unha venda con tarxeta no "mundo físico" (léase
no electrónico) dálle a asinar ó cliente un
xustificante da transacción. Sen embargo, no "mundo
virtual" (en Internet) non existe este trámite, xa que
simplemente o cliente introduce os datos da tarxeta e realízase
automaticamente a transacción. Deste xeito, se un cliente
rexeita un pago realizado con tarxeta, o empresario "non virtual"
sempre pode presentar o xustificante firmado como proba de que este
realizou a compra, deixando sen efecto a devolución do pago.
Sen embargo, no comercio electrónico, o ciber-empresario
non poderá presentar dita proba e deberá asistir case
impotente á devolución de dito pago. Polo tanto, o
ciber-empresario é o que está verdadeiramente desprotexido
nas compras electrónicas con tarxeta, e non o consumidor.
Ante esta situación, ¿como pode protexerse o ciber-empresario?
Pois, ademais de intentar facer aprovisionamento doutros medios
probatorios que demostren a compra efectiva por parte do cliente
(por exemplo, firma de albaráns de entrega, etc.), o desexable
sería a utilización da firma electrónica neste
tipo de transaccións, o que permitiría a súa
proba de xeito equivalente ó papel. Pero desgraciadamente,
aínda estamos lonxe da popularización deste sistema
no comercio electrónico.
10.7.- Os impostos cibernéticos:
O Imposto de Valor Engadido (IVE) na Rede
Unha vez analizados neste tema algúns dos requisitos xurídicos
para ter en conta á hora de montar un negocio de comercio-e,
en base principalmente á Lei 34/2002 de Servicios da Sociedade
da Información e de Comercio Electrónico (LSSICE),
nesta ocasión abordamos o complexo ámbito dos impostos
aplicables na Rede.
Moitas foron as propostas de regulación da fiscalidade de
Internet e poucas as normas finalmente aprobadas polosestados. Entre
as propostas podemos destacar pola súa orixinalidade o chamado
"bit tax", o imposto sobre os bits que foi
presentado en diversos foros internacionais e que se baseaba en
pagar pola cantidade de información electrónica transmitida.
Obviamente, non tiña sentido algún, xa que o valor
real do transmitido pola Rede non está en relación
directa co seu tamaño, senón co seu contido (sexa
producto ou servicio prestado).
En canto á normativa finalmente aprobada, destacaremos por
unha banda a lexislación federal norteamericana, que exime
de pagar impostos indirectos ás empresas que operan a través
de Internet. A devandita normativa é temporal, aínda
que foi recentemente prorrogada, e aséntase sobre a intención
das autoridades de EEUU de promover o comercio electrónico
naquel país. En canto a Europa, recentemente aprobouse a
Directiva 2002/38/CE de 7 de maio de 2002, pola que se modifica
a Sexta Directiva 77/388/CEE sobre o IVE aplicable, entre outros,
a algúns servicios prestados por vía electrónica.
Esta normativa vén a clarificar a aplicación do IVE
no ámbito do comercio electrónico, limitando a súa
vixencia a tres anos a contar dende o 1 de xullo do 2003 ata o 1
de xullo do 2006, data na que deberá ser modificada ou ampliada
a súa vixencia.
Basicamente, esta directiva permite ás empresas europeas
vender os seus productos ou servicios a consumidores extracomunitarios
a través de Internet sen necesidade de aplicarlles o IVE.
Á súa vez, obriga a determinadas empresas extracomunitarias
a aplicar dito imposto nas súas vendas a consumidores europeos.
Isto, sen dúbida, suporá unha gran vantaxe competitiva
dos productos e servicios europeos comercializados a través
da Rede ó poder venderse fóra máis baratos,
á par que será unha desvantaxe para as empresas de
comercio-e extracomunitarias (principalmente norteamericanas), que
deberán incrementar os seus prezos co correspondente IVE
para gran parte das súas vendas na Unión Europea.
|